Arqueoloxía

No concello de Teo, a actividade prehistórica do home foi, ao igual que no resto da comarca, moi notable como o testemuñan os restos arqueolóxicos atopados considerados Bens de Interese Cultural (BICs) con mención especial aos petroglifos Pena Bicuda de Loureiro, Outerio de Corno I e Monte Angueira.

Tense identificado un considerable número de conxuntos de mámoas, petroglifos, complexos megalíticos e necrópoles. Persisten ademais, as pegadas dun discreto número de castros, e téñense atopado restos en xacementos de diferentes épocas.

Salienta a grande concentración de mámoas localizadas nos contornos da Póboa, en Cacheiras, e, no Monte Piquiño, da parroquia de Luou. Nesta parroquia cómpre, así mesmo destacar os interesantes conxuntos de petroglifos da Idade de Bronce atopados nos montes. Convidámoslle a esta viaxe fascinante no tempo onde se impón a linguaxe das pedras…