Megalitismo

A Prehistoria mais remota

As mámoas son tumbas do chamado período megalítico, túmulos funerarios (do grego mégas ‘grande’ + lithos ‘pedra’; literalmente: “o das pedras grandes”). No seu interior contén, ou contiña, o sepulcro propiamente dito; unha anta ou dolmen. En Teo atópanse a Necrópole megalítica do Monte Piquiño  composta por 33 mámoas.

Á área arqueolóxica do Monte Piquiño

Cómo chegar: https://colectivoarula.wordpress.com/2016/02/05/a-pena-bicuda-de-loureiro-arte-rupestre-no-monte-piquino/

Os pequenos cumes graníticos desta pequena dorsal montañosa dan nome a este “Monte Piquiño” situado ó sur do Concello de Teo entre as parroquias de Luou, Rarís e Lampai e no linde natural que divide os vales do Ulla e do Sar que separa as comarcas de Compostela e o Sar.

Un monte no que destaca a alternancia de pequenos outeiros graníticos e chans que agochan unha das áreas arqueolóxicas máis importantes de Galicia e, sen dúbida, a máis importante da comarca de Compostelá.

Na parroquia de Luou e máis concretamente preto do lugar de Loureiro atópanse nove estacións de petróglifos dispostos no contorno inmediato e bordeando unha necrópole megalítica formada por trinta e tres túmulos.

Esta interesante asociación entre túmulos e petróglifos converten o Monte Piquiño nun espazo único que debemos preservar ás xeracións futuras e protexer de calquera elemento alleo que alterase e modificase esta paisaxe cultural única.

Das diferentes estacións de petróglifos podemos destacar os xacementos do Meau, Fondao e Trono da Raíña, pero sobre todo a rocha chamada “Pedra Bicuda de Loureiro”. Trátase da estación máis ampla e mellor conservada do Concello, formada por un mínimo de oito combinacións circulares, unha delas unha das maiores da provincia da Coruña e polo menos catro zoomorfos situados na zona periférica da laxe.

Por outra banda, o Piquiño é un lugar lendario entre os veciños de Luou que falan da existencia de antigas “Eiras de Mouros”. Elementos que integran o fecundo patrimonio inmaterial do Concello de Teo pero que tamén constan en vellas publicacións e incluso en documentos do Arquivo Municipal que testemuñan a posible existencia de restos destes supostos “círculos megalíticos” de fitos de cuarzo até os anos cincuenta do século pasado. Un espazo que figura tamén reseñado máis recentemente en varias publicacións de historiadores como Xose María Lema Suárez e xornalistas como Álvaro Parajó. Dúas paraxes, A Lagoa e a Costa de Guindín.

As mámoas que poden atoparse en Teo son:

  • Mámoa de Trasellas, Luou
  •  Mámoas de Barreiras, Calo
  •  Mámoas da Zapateira, Lampai
  •  Mámoas de Petouto da Gándara, Lampai
  •  Mámoa da Cruz do Xastre, Reis
  •  Mámoas do Chan de Senín, Rarís
  •  Referencias ás Eiras dos Mouros da Lagoa e da Costa Guindín, Luou

mámoa de Trasellas en Luou é o vestixio arqueolóxico máis antigo do Concello de Teo. É un túmulo megalítico datado do periodo Neolítico.

Lugar: Trasellas Parroquia: Luou Altitude: 234 m

Descrición:
Túmulo megalítico de grandes dimensións: aproximadamente 35 m de diámetro e 2,5 m de alto. Na súa parte superior aprécianse indicios da existencia dun furado de violación de pequeno tamaño, 4 m de diámetro e 20 cm de fondo, actualmente moi colmado. A pesar disto, pódese dicir que presenta un excelente estado de conservación.

Xeolocalización:

GPS Mámoa de Trasellas Luou

Enlace wikiloc Mámoa de Trasellas

Coordenadas xeográficas e Utm: :
N 42 47 58.2 W8 35 06.7
29 T 533919 4738633