Civil

Pazo de Noceda, Teo

Teo posúe un patrimonio cultural moi rico, non tanto pola excepcionalidade dos seus elementos considerados illados senón polo continuo da súa presencia territorial.

Polo territorio de Teo discorre o camiño portugués. Á súa beira destacan varias fincas singulares nas que, xunto aos valores artísticos das arquitecturas relixiosas, coexisten cun rico e variado conxunto de arquitecturas tradicionais que compoñen conxuntos de alta calidade ambiental.

Sindicato de Luou, actual sede da asociación cultural A Mámoa

As arquitecturas tradicionais son o resultado da interacción do home co medio natural. O emprego de determinados materiais e tipos construtivos e estruturais -e non doutros calquera- é consecuencia dunha cultura baseada na economía de medios que busca adaptarse ao clima, á existencia de materiais de construción abundantes na zona e sobre todo á tipoloxía de ocupación do solo.

As vivendas, nun medio cunha base económica orixinaria fundamentalmente agrícola, organízanse en parcelas medias xunto ao conxunto de edificacións auxiliares: hórreos, pendellos, alpendres, etc., que se dispoñen, case sempre, en aneis entorno a un fito central (a igrexa, o adro, o campo da festa) conformando as aldeas entorno as cales se dispoñen as agras.

Sociedade de Calo

Ás veces, estas aldeas adquiren forma de fuso, situándose a medio val, buscando a mínima pendente do viario.

Xunto a este casarío, é subliñable a presencia territorial das fincas singulares que xunto á casa propiamente dita inclúen xardíns, edificacións tradicionais, fontes…, e, xeralmente, explotación agrícola. As súas arquitecturas son xeralmente tradicionais con plantas rectangulares ou en L, con grandes corpos de galerías, patios, …

No conxunto destas arquitecturas dispoñemos de 81 elementos catalogados entre vivendas tradicionais, pazos, casas singulares, rectorais e escolas.