Muíños

En canto aos muíños, sitúanse ao longo do conxunto de regos do termo municipal. O conxunto das súas canles asociadas, saltos de auga, as pedras de moer no interior, os ollos de entrada, etc. , á parte do seu singular valor etnográfico, constitúense en pezas de alto valor espacial, contando actualmente cun total de 34 muíños catalogados.

Muíños no Pereiro

Os muíño deben o seu funcionamento a un sistema baseado no movemento inducido pola auga provinte dos ríos.

Dita  auga baixaba ata un depósito coñecido coma o cubo, onde era almacenada. Por medio dun picho ou billa saía con forza ata bater nas culleres do rodicio, que ao rotar facían mover o eixo (en vertical) e activaban tódolos mecanismos que estaban no interior do muíño.

Alí, unha pedra redonda de gran tamaño, facía de . Sobre ela, outra facía de capa e, no interior, tiña un oco. Por ese burato entraba o gran e, co peso, ao ir xirando ía triturándoo e saíndo a fariña, que ía recolléndose nun caixón que rodeaba o pé da moa. O gran, dende o saco, botábase dentro da moega, que estaba situada mesmo enriba da capa,  e tiña unha caneliña chamada a quenlla á que ía suxeito un tarabello, que ía dando saltos sobre a roda ao ir xirando, e o gran ía caendo no oco da pedra.

Outro mecanismo é o aliviadoiro, que é unha peza que permitía que o gran se triturase ao noso desexo.

Polo xeral, cada muíño emitía un ruído distinto, froito dos seus compoñentes e da caída da auga. Tódolos muíños, dentro ou fóra, xunto a porta da entrada, tiñan unha pedra sobresaíndo que facía de pousadoiro.

Ademáis, os muíños tiñan outros compoñentes coma o ovo, a , a cruz etc…

As maquías

Polo xeral, os muíños eran comunitarios, e cada veciño dispoñía dunhas horas para moer os grans (millo, trigo, centeo, etc).

Algúns eran de propiedade particular, os coñecidos como maquías. As maquías eran de aluguer, polo que podía acudir calquera persoa a moer o gran e, como pagamento, a persoa que estaba ao fronte do muíño, cunha medida feita de madeira, cobraba unha parte -ben en gran ou fariña-, por cada saco de cereais moído.

(texto orixinal dun material editado pola Asociación A Mámoa de Luou)