
Sorprendente é, sen dúbidas, o nutrido número de cruceiros diseminados por toda a xeografía teense.
Tal como indícache esta ligazón, CRUCEIROS NO CONCELLO DE TEO, preto de 50 cruceiros poderás atopar espallados nas trece parroquias de Teo. Posiblemente, o de maior interese e de maior valor histórico patrimonial é o cruceiro gótico de Rúa de Francos, no propio Camiño de Santiago portugués, ao seu paso por Teo.
O Cruceiro Gótico de Rúa de Francos (Calo)
GPS 42.8146254,-8.6222328,17
O Cruceiro de Rúa de Francos non só é un
dos máis antigos de Galicia senón tamén un dos máis singulares por esa
aparente inxenuidade na súa labra. Hai moitas teorías sobre a súa orixe,
porén todos investigadores concordan na súa interpretación como unha
imitación popular das cruces góticas. Destaca a imaxe principal do
Cristo Crucificado de formas arcaicas e deformadas coa tradicional coroa
de espiñas, longo pano de pureza cinguido á cintura e a rotación dos
pés montados un sobre o outro. Acompañan o cristo catro rudimentarias
figuras moi desgastadas pola erosión de difícil interpretación situadas
no arranque da cruz. O máis probable é que sexa unha dobre
representación do calvario coa Virxe e San Xoán ó pe de Cristo, tal como
sinalan algúns especialistas como Juan José Burgoa. Porén, outros falan
de que poderían representar a dous peregrinos o que reforzaría a súa
vinculación co Camiño Portugués que pasa ó seu carón.
Non esquezamos tampouco que o “cruceiro” carece de capitel e a cruz
apoiase directamente sobre unha pedrafita de arestas biseladas cunha
cruz gravada na parte central e no lateral orientado ó camiño. Outra
curiosidade é que a laxe que serve de pedestal presenta unha ducia de
coviñas, sendo recentemente catalogado como un dos petróglifos da parroquia de Calo.
Deseño de Castelao que, sen dúbida, contribuíu de xeito significativo o seu coñecemento.