Petos de ánimas

Peto de ánimas de Raxó

Podemos atopar petos de ánimas en camiños e encrucilladas de toda Galicia.

Neles, os vivos ofrecen esmolas para a salvación das ánimas en pena que non atoparon descanso no purgatorio, para que ascendan ao ceo. Unha vez alí, agradecidas pola súa salvación, intercederán polo oferente que as axudou e intercederán pola súa salvación.

Moitos deles foron construídos pola devoción dun fregués ou polos veciños dun lugar.

Peto de ánimas de Cacheiras

É difícil estabelecer unha morfoloxía xeral, dada a súa variedade, aínda que si adoitan compartir certos elementos como o corpo central do peto, que está composto por unha cavidade na que normalmente se representa ás ánimas no purgatorio, en relevo ou pintura, e un peto para botar as esmolas. Estes elementos poden vir acompañados doutros como cornixas, pilastras, portiña de ferro etc.

É habitual que, ao pasar por diante do peto, se rece unha oración polas benditas ánimas para que poidan saír do purgatorio. Tamén se lles agradece algún favor feito, porque acostuman a axudar aos vivos. Pídeselles axuda para solucionar algún problema e colócanselles flores no seu recordo.