Feira de San Martiño teense en Francos 11 de novembro

Cartaz 2012
Cartaz 2013
Cartaz 2014
Cartaz 2015
Cartaz 2016
Cartaz 2017

¿Sabías que o San Martiño…?  Artigo de Pablo Sanmartin editado en TeoVivo Nov 2017

A Feira do San Martiño da Rúa de Francos constitúe o principal evento económico, cultural e social na historia do noso concello. Como sinalaba o ilustre académico E. Carré Aldao nos anos 30, o San Martiño “é unha das feiras de gando cabalar, mular e asnal máis importantes de Galicia”.

Hoxe en día é a última gran feira da bisbarra que mantén a esencia e elementos propios das feiras gandeiras tradicionais que foron esmorecendo na segunda metade do século XX coa substitución progresiva das bestas pola maquinaria, tanto para o transporte como para as tarefas agrícolas.

O trato do gando (en especial o cabalar), a venda de excedentes agrícolas de tempada e a romaría popular foron e son os ingredientes principais que converten o San Martiño teense nunha das feiras galegas máis singulares de Galicia, ben merecedora da súa declaración como Festa de Interese Turístico Galego, ao igual que o son as de San Lucas de Mondoñedo ou a de Santos en Monterroso. Esta dobre dimensión económica e lúdica foi a clave do seu esplendor a finais do século XIX e primeira metade do século XX.

Un evento de tal transcendencia tamén deixou pegada na documentación municipal a pesar do papel secundario que sempre tivo o Concello, centrado principalmente nas tarefas de organización, xestión e mesmo de intendencia que facilitaban o paso de milleiros de visitantes polo campo da feira de Francos cada 11 de novembro. A primeira documentación que nos permite testemuñar a relevancia económica da feira data de finais da década de 1910. Na sección de abastos e consumos do fondo histórico figura a serie documental que recolle as denonimadas “guías para la circulación de ganado”.

Un importante documento emitido polo Concello aos feirantes, asinado polo propio alcalde (Víctor Bralo Barreiro), dando cumprimento á normativa estatal do “Ministerio de Abastecimiento” creado a raíz da crise española de 1917 e que xurdiu co obxectivo de garantir o abastecemento de víveres nun período convulso no que Europa sufría as consecuencias da Gran Guerra.

Estes documentos oficiais eran imprescindibles para poder trasladar o gando cabalar e mular nos trens que partían de Osebe a múltiples enclaves do territorio galego e peninsular.