Xenerais da Ulla

Xeneral da Ulla

Segundo algúns autores o entroido dos Xenerais da Ulla remóntase á Guerra da Independencia.

Este entroido celébrase en oito concellos da comarca da Ulla – Teo, Santiago de Compostela, Touro, Boqueixón, Vedra, A Estrada, Vila de Cruces e Silleda- compartindo todos eles as figuras esenciais, aínda que, no concello de Teo, contamos cunha figura singular a do Demo, propia do entroido celebrado na parroquia de Reis.

Nesta festa, son de especial interese as figuras dos xenerais, con porte militar e triscornio – tocado  decorado con plumas, as veces, de pavo real-, os correos, outras figuras ataviadas con indumentaria de estética militar e gorreta -gorro enfeitado con contas de cores. Ámbolos dous montan cabalos engalanados que, no caso dos xenerais, ademáis das contas de cores do primeiro, portan espellos na cabeza e peito.

Tamén son de gran interese as figuras dos abandeirados que, como o seu nome indica, portan a bandeira; o rei e a raíña coroados e vestindo capa rexia; o coro de bonito ou de mozos vestidos con traxe tradicional galego e, ao seu fronte, un director ou directora, e o coro de vellos, ataviados de maneira colorista e libre, que interpretan cancións de contido satírico, dando conta de temas de actualidade social ou política, ou entoando hilarantes e burlescas cancións de contido “picante”.

O noso concello é o que conta con máis parroquias que participan desta celebración -normalmente entre seis e oito-, organizando as súas máscaras que desfilan ao ritmo da música, mentres os correos anuncian a súa chegada.

Os xenerais, son os responsables de dar os vivas! a todos aqueles que ofrezan un donativo, reclamando un “viva” do público asistente para o mesmo e para os seus achegados e, ao final do percorrido -normalmente o campo da festa parroquial-, ten lugar o atranque, no que se escenifica un enfrontamento entre dous bandos -antigamente comparsas de dúas parroquias- que, precedidos polos correos, comezan unha lide dialéctica, na que se cruzan versos que aluden a temas de actualidade do ámbito parroquial ou de política e sociedade de maior ámbito, mentres se profiren ameazas, alzando as súas espadas e erguéndose sobre o seu cabalo.

Finalmente, a escenificación remata coa sinatura da paz entre veciños e amigos.

Esta festa goza dende o ano 2013 do recoñecemento de Festa de Interese Turístico de Galicia.